Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

A cesta do Nadal

11:00 26/01/2009

Os ciclos seguen cumpríndose, ano tras ano. O Nadal 2008 fica atrás. Quizais sexa o momento de tirarmos algunha conclusión do vivido nesas semanas anteriores tan propicias para os simbolismos.

Unha cousa boa do Nadal que acabamos de pasar foi o intento por recuperarmos, ou por principiar a recuperarmos, unha figura esquecida da tradición nadaleira galega: o Apalpador. Eu non o prefiro só por galego, que tamén, senón porque o “outro”, ademais de camándula e fachendoso, paréceme un neoliberal de moito nabo: ó cabo, sempre termina dando máis a quen máis ten. O Apalpador procura saciar, cando menos no Nadal, o apetito dos que teñen fame. A diferenza non admite dúbidas.

Canda o Belén deturpado, as arboriñas naturais ou artificiais, os Reis magos ou gafados, o ínclito Papa Nöel (Santa para os ianquis), o capón de Vilalba, o marisco de onde veña, os regalos inservibles, as postais agora electrónicas, as treguas bélicas, os discursos trasnoitados, as cheas da madrugada, os anuncios repetidos, as uvas sen pebidas, as badaladas graves e as agudas, os informes anuais e as morriñas parentais, canda todo iso, temos as cestas do Nadal.

As cestas do Nadal son unha sorte de refugallo das políticas paternalistas dos patróns doutros tempos (xaora que algúns patróns continúan con aquelas políticas hoxe en día). Foron quedando como reliquias, foron consolidándose como dereitos e o seu papel “retributivo” ampliou espazos alén das plantillas dos traballadores. O certo é que xa non hai Nadal sen cesta nin cesta sen turrón e champán. Precisamente do contido das cestas quere tratar esta colaboración.

De seguro que ninguén se molestaría xamais por montar unha estatística oficial de cestas de Nadal. Eu atrevereime a calcular unha cifra de facturación en Galicia de 40 ou 50 millóns de euros (somos arredor de 1,2 millóns de traballadores). As cestas son encargadas por empresas e organismos galegos e distribuídas a través das cadeas e canles galegos de distribución. Nos casos de empresas con delegacións ou unidades produtivas fóra do País, estes típicos agasallos gastronómicos de Nadal chegan a moitos puntos da Península e, incluso, de máis alá. Xa que logo, ademais do seu impacto directo sobre as vendas das empresas favorecidas, propician un efecto promocional sobre a imaxe dos produtos enviados.

Pois ben, a maioría das empresas galegas conservan, ano tras ano, o hábito de compoñe-las súas cestas con artigos de calquera rexión española agás a propia. E así eu recibo, como exemplo, unha bolsa con trece produtos diferentes, o que a algúns lles parecerá pouco e dabondo a outros. Fagamos un esforzo analítico a partir desa pequena mostra: vou sacando artigo a artigo e lendo etiqueta a etiqueta para concluír cun ratio de 8% de galeguidade; é dicir, dos 13 artigos, tan só un amosa procedencia galega. Curiosamente, este ratio é o complemento do “potencial de galeguidade” (en Galicia atoparían magníficos produtos para 12 dos artigos da cesta).

Continuemos co exercicio e repasemos produtos da Terra susceptíbeis de conformar unha cesta de Nadal: así teriamos noces do Courel, mel de Samos, queixo de Arzúa ou do Cebreiro, chocolates de Lugo ou da Coruña, doces e tortas de Santiago e Mondoñedo, viño tinto de Valdeorras ou Monterrei, branco do Ribeiro ou das Rías Baixas, rosado da Ribeira Sacra, augardente e licores de Cambados, mexillóns e sardiñas en conserva da Ría de Arousa, atún de Burela, fabas de Lourenzá, embutido dos Ancares, lacón da Fonsagrada, pementos de Herbón ou Arnoia, marmeladas e almíbares d’O Rosal e de Cariño, marrón glacé de Ourense e, por rematarmos nalgún sitio, a bica de Trives.

Facendo combinacións dos 30 elementos anteriores tomados de 13 en 13, poderiamos ter composto ata 120 millóns de posibles cestas de Nadal distintas (incrible isto das matemáticas) con produtos autóctonos galegos, promovendo, por tanto, a produción galega, a empresa galega e a terra galega. Por que non o facemos? Supoño que pola mesma razón pola que adoramos (ou algúns adoran) a “Santa”, nos escaparates das librarías só poñemos libros en castelán, enchemos os teatros cando veñen compañías catalanas ou traducimos compulsivamente as novelas dun moi mediocre escritor euskaldún. Por iso.

3.36/5 (22 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións